3.23.2012

Así foi o F.A.C. OFF

Hai anos, uns seis, cando estudaba xornalismo na USC, tiven a oportunidade de entrevistar a Bru Rovira, daquela xornalista internacional do diario La Vanguardia. Nun momento da nosa conversa, el dixo que o xornalista era unha "mosca cojonera". Era o que estaba na barra do bar, curioseando por vocación. Co paso dos anos un esquécese destas cousas, outrora tan fundamentais e decisivas. Métese noutras, líase e monta películas e castelos no aire. Agora, tras catro meses sen un traballo 'propiamente dito', e gracias a este, o meu, blog, estou exercendo de "mosca cojonera" e dándome de conta de que me gusta, e moito.

BRU ROVIRA - "El periodista es una mosca cojonera"

Para aqueles que aínda non coñezan A Peregrina (da que falamos en edicións anteriores #2 e 5#) só teñen que saber que é unha casa-taller na que os seus inquilinos só pagan dous euros ao día para os gastos correntes. A cambio dispoñen de espazo suficiente para poder crear. O Furancho de Arte Contemporánea (F.A.C.) é a estratexia que Ania González, Diego Vites e Olmo Blanco idearon para poder dar saída ao excedente artístico da contorna galega de creación. Este Furancho, que foi inaugurado o venres 23 de Marzo, é unha fiestra –nin comercial, nin institucional, senón intermedia– non mediada por intereses alleos aos da creación cultural, que pretende crear unha terceira vía paralela a museos e galerías.



Callos, mexillóns e sardiñas en lata, maridados cun bo viño do país, foron os principais ingredentes que bautizaron o primeiro día de vida do F.A.C., que inaugurou con F.A.C. OFF. Como obra presentouse a intervención nos diferentes espazos da casa para reconvertilos nun contenedor apropiado para creación cultural dos nosos días. O lugar estrela foi o galpón onde se concentrou a maioría da xente, sentada nuns mobles estilo Bauhaus pero moi senlleiros, creados para a ocasión. O galiñeiro, convertido nun cubo branco minimalista, foi o espazo perfecto para a realización das entrevistas que Culturadeseu pon á vosa disposición na video-reportaxe colgada nesta entrada. O remolque sito en medio do bosque que vixía a parte traseira d’A Peregrina, tamén foi transformado nun espazo de exposición. Habilitaron a corrente eléctrica e colocaron un televisor e unhas fotografías amosando os traballos realizados polos peregrinos fac’ers no arranxo das canalizacións da casa e o avituallado do lugar nunha obra denominada F.A.C in Shit.




Eu, con Ricardo Saavedra ao micrófono, e Elena Cancelas, que se convertiu inesperadamente en fotógrafa de Culturadeseu, estiven pululando durante unhas cantas horas polo Furancho adiante. A ocasión serviume para falar cos integrantes de Baleiro, aos que espero adicarlle unha entrada en poucas semanas; con antigos entrevistados coma Trini F. Silva (sempre encantado de falar con ela e de que me arranxe o peiteado da forma máis inesperada); amigos e familia dos peregrinos fac’ers (algúns dos cales podedes ver na reportaxe); e con Ulobit, un grupo galego de recente creación baseado na experimentación e na improvisación, que combina sons electrónicos (Juan Gil), coa proxección de imaxes (Horacio González) e a zanfoña (Ariel Ninas), e cuxo último proxecto incorpora os descartes da obra de Xurxo Chirro, Vikingland –que por certo resultou gañador no Play Doc deste ano–.




A equipa de Culturadeseu chegou de día e foise de noite no coche de Elena Cancelas (a piques estiveron de deixarme atrás; enrédome coma unha silveira). Voltei a Compostela contento e animado, e non só polo viño, senón pola enerxía que se respiraba no F.A.C. e pola ilusión coa que os seus organizadores levaron adiante o proxecto. En épocas de crise, din, agudízase o inxenio, e ante a falta de solucións, propostas e das infraestruturas precisas, A Peregrina semella erguerse coma dous signos de exclamación nun mundo de puntos suspensivos.

Longa Vida ao F.A.C.
Español / English


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...