3.03.2012

Improvisación de seu

Hai en Sar, en Santiago de Compostela, á beira dunha autostrada, un lugar que ten por nome El Puente. Alí, fixéronme saber, fanse as mellores jam sessions de toda a cidade. Os meus limitados coñecementos musicais non me permiten decidir se son, en efecto, as mellores, pero o que experimentei neste bar de señores de cunca de viño diurnos e de músicos e creadores nocturnos fixeron que estas palabras as estea a escribir ben entrada a madrugada, antes de ires a durmir; tal foi a pegada que todos eles me deixaron.

O motivo da miña visita foron Suelen Estar Quartet. Eles son Macarena Montesinos (1982, Vigo) Saúl Puga (1982, Vigo), Elena Vázquez (1984, Santiago de Compostela), e María José Pámpano (1981, Santiago de Compostela). A súa formación musical clásica levounos a explorar derroteiros musicais exentos de trabas e limitacións. Hai pouco máis dun ano formaron o cuarteto, e dende entón, realizan música improvisada, o que segundo María José non é nada común, xa que os cuartetos, non adoitan contar con violín e máis viola, e normalmente decántanse polo clásico. Din, non son eles os pioneiros da música libre no país, pero si dos poucos cuartetos que contan con todo o rango de cordas e que apostan pola música improvisada.



Saúl e Macarena coñecíanse desde pequenos, e coñeceron a Elena e María José traballando na Livietta e Tracollo, unha ópera adaptada do compositor Giovanni Battista Pergolesi. O seu punto de ancoraxe foi a orquestra de improvisación e experimentacion músical O.M.E.G.A., e a partires dese momento decidiron levar adiante unha labor en común. Polo de agora vailles ben, aínda que coma di Macarena "nacemos antonte". Realizaron actuacións coa bailarina Mónica García e estarán este domingo no Bar Labranza (Bueu), e logo estarán no Xancarajazz (Vigo), e no Liceo Mutante (Pontevedra), e estarán ademais en diversos lugares coma no Festival Alt, e morro de ganas de volvelos a escoitar. Cando nun pequeno lugar con xente á que non coñeces de nada, apoiado na barra, cunha cervexa, nun xoves calqueira de Compostela, sintes paixón, alegría, e ansiedade por culpa dun violín, unha viola, un contrabaixo e un violonchelo, pensas "que estaba a facer ata o de agora?" e a resposta automática é: "andabas na casa vendo series na Internet, lambón".

Jam Session
Para colmar a un, logo deles, e con eles, tivo lugar unha jam session na que ademais destas catro cordas interviñeron un saxo, un oboe, un piano (que tocaron a catro mans Pablo Seoane e Alejandro Vargas), un baixo, unha guitarra, unha marabillosa voz (a polifacética Lúa Gándara ), e globos, pistolas de xogete, percusión; un gran momento onde se escoitou a radio galega... todo xunto, revolto, nunha hipnótica sucesión de sons que por un momento detiveron o tempo e encandilaron o aire do ambiente. Sobra dicir que saín namorado daquel lugar e da súa xente. Sobra dicir tamén, que son eu amateur nestes contextos, pero se esta condición implica tal disfrute, gustaríame ser novato en todo.


Suelen Estar e a chispa da improvisación
Falando despois do concerto con Saúl, quen leva toda a vida adicándose á música, entereime de que lle puxeron Suelen Estar por que tiñan pensado outro nome pero non respondía ás regras de memorización do marketing, e ademais, o que finalmente escolleron, é totalmente acertado, pois eles adoitan estar aquí ou alá. Logo de coñecer no bar a un tuno (un home con moita retranca por certo) que bailara con Celia Cruz na Praza do Obradoiro no ano 93, fun a por Elena, que estaba na porta d'El Puente e interrogueina mentres fumábamos un cigarrito. Ela formouse, coma o resto dos compoñentes do grupo, desde unha base clásica, pero un día un amigo introduciuna no mundo da improvisación e da experimentación musical a través da O.M.E.G.A. (que terá un espazo propio en próximas edicións) e mergullouse neste universo sen pensalo.

O cuarteto non lles permite vivir de forma espléndida e acomodada e na maioría das ocasións sinten que infravaloran o seu traballo. Regatéanlle os prezos das actuacións coma se un cuarteto de corda fose un quilo de grelos na Praza de Abastos de Santiago. Teñen outros traballos, coma profesores de escola ou de clases particulares. Ao futuro miráno de reollo e as expectativas non van máis aló do curto-medio prazo. Non saben coma estarán en seis ou catro meses, pero Macarena afirma que "se está a formar unha chispa" e que cada vez  –aínda que o público non está totalmente acostumado á música improvisada– hai unha maior educación ou sensibilización dos espectadores, e recorda con cariño a ovación que recibiron non hai moito, nunha actuación no Teatro Principal de Compostela: "cando rematamos fíxose un enorme silencio e logo todo o mundo comezou a aplaudir e a berrar" o que foi moi reconfortante pois non estaban seguros de que a súa música encaixara neste espazo.

Don't panic!
Coma Manu Mimé, protagonista de "A censura do porto santificado", coma os habitantes d'A Peregrina, e coma os traballadores de Vista Alegre, os grandes músicos que se deron cita na noite do xoves do 1 de Marzo do 2012 no bar El Puente, fan o que lles gusta, disfrutan profundamente co que fan, e iso nótase, por que ao tocar, ao pintar, ao crear, contaxian a un deste sentimento, e éntranche ganas de berrar, de cantar con eles, de pintar con eles. Pero, polo momento voume adicar a escribir, así que don't panic!.

P.D.: Aos compoñentes de Suelen Estar Quartet deixeinos gardando os istrumentos no coche, ían de volta para Vigo. Eu volvín aquí a Pexigo de Arriba e prometin n'El Puente que me deixaría caer por alí de cando en cando; que iría rolando. E as promesas hai que cumprilas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...